Páxina

xoves, 28 de decembro de 2017

O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE 3 ANOS

Queridas familias,

O primeiro trimestre chegou ao seu fin. Que rápido pasou! Foron uns meses cargados de bos momentos, experiencias, aprendizaxes, novos amigos e amigas, moitas risas e tamén algunha que outra bágoa. Nesta entrada gustaríanos compartir convosco algúns deses instantes, e así achegarvos, un pouquiño máis, ao día a día da nosa aula.

Empezamos en setembro, cargados de nervios e ilusión. Foron uns días cheos de cambios e de primeiras veces: coñecemos aos nosos compañeiros e compañeiras, ás nosas mestras e tamén ó noso cole e á nosa clase. Durante estas primeiras xornadas realizamos diferentes xogos e dinámicas de presentación, e dedicámonos a explorar os recunchos da aula e do centro, interactuando libremente cos espazos e materiais, e compartindo cos nosos novos amigos e amigas moitos momentos de xogo e diversión.

Aínda que agora xa nos coñecemos todos e todas, aproveitamos para presentarnos e darvos a benvida, novamente, á nosa clase, da que sodes parte indispensable.







Para que vexades que non nos quedou ningún recuncho sen descubrir!








E, como non, tamén conquistamos o patio!




Vaia comezo de trimestre! Por iso tivemos que buscar un momentiño para descansar, recuperar forzas e coller impulso para todo o que estaba por chegar.



O mes de setembro quedou atrás e o trimestre seguiu avanzando, e nós con el, conquistando pouco a pouco, paseniño, novos logros e obxectivos. Que queredes saber máis? Pois seguide lendo, que a cousa non remata aquí.

Iniciámonos na LECTOESCRITURA e coñecemos ás nosas amigas as LETRAS, que moi amablemente presentáronse, non só pola súa grafía, senón tamén polo seu son. Para iso partimos de palabras significativas para todos nós (o noso propio nome e o nome dos nosos familiares e amigos máis próximos, os días da semana, os carteis da aula, títulos de contos, etc.) A partir destas palabras realizamos multitude de actividades: contar o número de letras, ver cal se sitúa ao principio e/ou ao final da palabra, identificar letras iguais, representar a súa grafía, recoñecer letras polo seu son, compoñer palabras...














Ademais das letras, tamén lle demos a benvida á nosa aula aos TRAZOS. Estes visitáronnos semanalmente no noso taller de grafomotricidade creativa, e aos poucos gañáronse un anaquiño no noso día a día. Neste primeiro trimestre coñecemos os trazos verticais e horizontais, e con eles realizamos diferentes actividades: representalos co noso propio corpo, construílos sobre superficies amplas con obxectos e materiais da aula, trazalos nas distintas lousas con xiz e rotulador, plasmalos sobre o papel con diferentes elementos...










Da man do método ABN, introducímonos e iniciamos nos conceptos lóxico - matemáticos, experimentando, a través de actividades manipulativas, coa serie numérica, o conteo, a correspondencia, as unidades e decenas, a relación entre grafía e cantidade, etc.





E tamén comezamos a clasificar e seriar obxectos atendendo a diferentes criterios: a súa cor, forma, tamaño...




Que chea de cousas!

Como sabedes, este ano a temática do proxecto integrado de centro vai de CAMBIOS E REVOLUCIÓNS. Neste primeiro trimestre, os nenos e nenas de educación infantil estivemos a investigar cousas sobre a prehistoria. A pesar de ser os máis peques do cole e ter moitas cousas entre mans, aos cativos e cativas de 3 anos tamén nos picou a curiosidade, e aprendemos moitos aspectos asombrosos sobre está época: quen eran os Cro - Magnon, onde vivían, como eran as súas casas e as súas vestimentas, que comían, que labores desempeñaban no seu día a día, que obxectos utilizaban, con que animais convivían...
En relación a isto último, os animais da época prehistórica, é necesario facer unha mención especial ao mamut, protagonista indiscutible deste primeiro trimestre na nosa aula e fiel compañeiro de aventuras durante estes meses.Tanto nos gustou que visualizamos vídeos, fotografías, dramatizamos a súa maneira de moverse, xogamos a atrapalo e decidimos, por esmagadora maioría, que formase parte do nome da nosa aula, coñecida como A COVA DOS MAMUTS.


Seguindo coa prehistoria, outra das cousas que causou sensación na COVA DOS MAMUTS foi o conto de Croniñón, de Michel Gay (Editorial Corimbo). Tanto nos entusiasmou a súa historia que decidimos crear a nosa propia.





Non podemos contarvos moito máis de momento, pero estade moi atentos xa que, proximamente, unha sorpresa viaxará de casa en casa para transportarvos, durante uns instantes, a esa época de covas e mamuts.

Os nenos e nenas que asistimos a VALORES tamén queremos compartir convosco o que estivemos a facer durante este primeiro trimestre. Nestas sesións traballamos e aprendemos con e a través dos contos. Neste caso, o conto elixido para este primeiro trimestre foi O monstro de cores de Anna Llenas (Editorial Flamboyant), que narra a historia dun pequeno monstro que non sabe que lle pasa, enleouse coas emocións e agora toca desfacer a embrolla. Será quen de poñer orde? Por suposto, xa que conta con toda a nosa axuda. A través desta entrañable historia reflexionamos sobre as emocións, tan difíciles de identificar e xestionar, sobre todo a estas idades: analizamos os seus nomes, os seus trazos faciais e corporais, as situacións nas que as experimentamos, como nos fan sentir, relacionamos cada unha coa súa cor correspondente ...
O certo é que tanto a historia como as actividades tiveron unha gran acollida entre os nenos e nenas, que esperaban ansiosos, cada luns, a visita do monstro. Por iso, aínda que non puido ser en todas, tentei que todo o grupo - clase participase nas máximas posibles.









































Isto só acaba de empezar! Aínda nos quedan moitas aventuras e bos momentos que compartir. Sen dúbida, xuntos é mellor.





Espero que esteades a gozar moito destas festas. Feliz ano novo para todos e todas e vémonos á volta! Un saúdo desde...

A COVA DOS MAMUTS


3 comentarios:

  1. Un gran trabajo!!! Dá gusto verlos aprender disfrutando!!! Nuestro pequeño cazador de mamuts nos tiene gratamente sorprendidos!! Feliz año!!

    ResponderEliminar
  2. solo dar las gracias a esa maravillosa profe por su trabajo, no podia ser mejor,gracias profe Raquel nos tienes conquistados

    ResponderEliminar
  3. Me encanta ver que aprenden jugando!
    ¡Qué gran trabajo profe Raquel !
    A por este segundo trimestre

    ResponderEliminar