Ola de novo familias,
Nesta entrada queremos compartir convosco como foi o segundo día de CONTACONTOS a cargo das familias na aula de 3 anos.
O venres 23 de febreiro veu visitarnos Cristina, a mamá do noso compañeiro David.
Cristina e David decidiron compartir con nós a misteriosa historia do tesouro da illa do Pirata Caveira, un dos seus contos favoritos. Que sorte, un gran pirata necesitaba da nosa axuda para atopar un tesouro!
E por suposto que o axudamos! A medida que a historia avanzaba fomos descubrindo todos os segredos e superando todos os obstáculos ata, finalmente, atopar o ansiado tesouro. Foi unha viaxe do máis emocionante!
Pero unha vez máis, Cristina e David decidiron sorprendernos. Xa rematado o conto, grazas ao que aprendemos todos os trucos do Pirata Caveira, iniciamos a nosa propia procura do tesouro, non sen antes converternos en piratas profesionais, dos de parche no ollo.
E por suposto, tras seguir todas as pistas, atopámolo. Non hai tesouro escondido que se nos resista, e moito menos se a recompensa son uns cuantos doces e moedas de chocolate.
Todo o noso esforzo viuse recompensado, non só ao atopar o tesouro, se non tamén ao recibir o noso diploma pirata.
Agora si, xa estamos listos para sucar os mares en busca de aventuras.
Moitas grazas Cristina polo teu tempo e colaboración, e por facernos partícipes desta gran aventura pirata.
Esperamos que gozases tanto da visita como nós.