Queridas familias,
Xa estamos a piques de comezar o terceiro trimestre do curso! Se aínda parece que foi onte cando esperabamos nerviosos o primeiro día de cole... Que rápido pasou! Nesta entrada gustaríanos compartir convosco o noso segundo trimestre e achegarvos así, aínda que sexa un pouquiño, ao día a día da nosa aula.
Esperamos que vos guste e gocedes con esta recompilación de fotos.
Como xa sabedes, no cole estamos a inicarnos na LECTOESCRITURA e no coñecemento das letras e do seu son, sempre a partir de palabras significativas para nós. Neste segundo trimestre, do mesmo xeito que no anterior, realizamos multitude de actividades e xogos con elas que nos axudan a interiorizar aspectos como a súa representación gráfica, o seu son, a lonxitude das diferentes palabras, discriminar vogais e consoantes, as letras iniciais, medias e finais, identificar letras, compoñer palabras...
Neste trimestre tampouco nos esquecimos dos TRAZOS, e seguimos experimentando con eles no noso taller de grafomotricidade creativa, lembrando algúns xa coñecidos (como son os verticais e horizontais) e descubrindo algúns totalmente novos como os circulares. Para isto, partimos sempre da representación corporal e progresivamente imos representándoos sobre superficies amplas con obxectos e materiais da aula, trazándoos nas distintas lousas con xiz e rotulador, plasmándoos sobre o papel con diferentes elementos...
Da man do método ABN, continuamos aproximándonos aos conceptos LÓXICO - MATEMÁTICOS, experimentando, a través de actividades manipulativas, coa serie numérica, a conta e a retroconta, a correspondencia, as unidades e decenas, a relación entre grafía e cantidade...
E tamén continuamos clasificando e seriando obxectos (neste caso figuras xeométricas) atendendo a diferentes criterios: o seu tamaño, forma, cor...
Estivemos tamén a traballar o ESQUEMA CORPORAL, que progresivamente imos tendo cada vez máis interiorizado, algo que se reflicte nas nosas representacións.
As sesións de PSICOMOTRICIDADE tamén contribúen a que progresivamente avancemos na interiorización do noso esquema corporal, ademais de no desenvolvemento da lateralidade, a estruturación espacial, a axilidade, a coordinación, a interiorización de regras sinxelas...
Como sabedes, este ano a temática do proxecto integrado de centro vai de CAMBIOS E REVOLUCIÓNS. Neste segundo trimestre, os nenos e nenas de educación infantil estivemos a investigar sobre as REVOLUCIÓNS NATURAIS. Na aula de 3 anos aprendemos moitas cousas da man dunha superheroína moi especial, unha muller de paz, tamén coñecida como a muller árbore: Wangari Maathai. Grazas a ela descubrimos o gran movemento do Cinto Verde, a súa fascinante historia vivida en Kenya, as consecuencias da deforestación e a tala de árbores e mesmo experimentamos coa xerminación das legumes e sementes.
![]() |
| Noa, mostrando aos seus compañeiros e compañeiras o libro que elaborou sobre Wangari Maathai, coa axuda da súa familia. |
![]() |
| Darío, explicando a información recollida, xunto a súa familia, sobre Wangari Maathai e diferentes aspectos e instrumentos precisos á hora de plantar. |
![]() |
| David, a piques de compartir connosco as incribles ilustracións do Gran Libro da Natureza que lle prestou a súa irmá Paula. |
Moitas grazas pola vosa colaboración e polos materiais achegados que nos axudaron nos nosos descubrimentos e na creación do noso recuncho.
Neste trimestre tamén, o ciclo de infantil de maneira conxunta (3, 4 e 5 anos) estivemos a traballar na elaboración da nosa obra para a exposición de ARTELIXO que se realizará proximamente. A pesar de que vos adiantamos algunhas imaxes, deixámosvos coa intriga para que, en canto sexa posible, pasedes a visitala. O certo é que somos uns artistas!
Que será será?
Neste trimestre continuamos experimentando coas NOVAS TECNOLOXÍAS iniciándonos na ROBÓTICA. A través do Beebot interiorizamos diferentes contidos ao mesmo tempo que desenvolvemos a nosa estruturación e organización espacial dunha forma lúdica.
Os nenos e nenas que asistimos a VALORES tamén queremos compartir convosco o que estivemos a facer durante este segundo trimestre. Nestas sesións, como xa sabedes, aprendemos con e a través dos contos. Neste caso, o elixido para este segundo trimestre do curso foi Elmer, de David McKee (Editorial Beascoa), que narra a historia dun divertido elefante multicor que, canso de ser diferente ao resto de elefantes da manda, busca o xeito de ter a mesma cor de pel que os seus compañeiros e compañeiras. Grazas a Elmer reflexionamos sobre os trazos e características que temos en común, e tamén aqueloutras que nos fan diferentes e únicos, aprendendo a valoralas.
![]() |
| Dramatización do conto. |
![]() |
| Taller de maquillaxe. |
E, sobre todo, este segundo trimestre pasamos moi bos momentos xuntos.
Terceiro trimestre, imos a por ti!
Vémonos prontiño.
Un saúdo
































































